Por un feminismo de irmás de terra

Este ano que deixamos atrás, pero que aínda arrastramos, impúxonos a moitas mirar a vida a través dunha xanela; a outras tantas, adaptarnos sen remedio ás medidas urbano-céntricas que se pensaron desde e para as grandes cidades. A primavera achégase e seguimos nunha pandemia que se levou demasiadas vidas que non volverán, e que acentuou máis a crise, a precariedade e a falta de servizos na que vivimos. Tivo que vir un virus para demostrar que este sistema que non orbita ao redor da vida e no que nos atopamos atrapadas non é sostible, e que só é o comezo e agravamento doutras crises e pandemias. A esta emerxencia climática, nestes últimos tempos uníronse a emerxencia social e sanitaria, e non podemos comezar este manifesto sen traer aquí a todas as persoas golpeadas polo virus e o sistema.

 

Quizais podamos caer no erro de pensar que as palabras non son capaces de moito. Pero nós pensamos que seguen sendo importantes. A pesar da incerteza e da dor, as nosas palabras son tamén ecosistemas de pensamentos e accións que non existen noutros lugares. Grazas a elas podemos ver o mundo, formar parte del, volver imaxinar e facer posible pensar e crer noutros futuros fóra deste sistema. 

 

Irmá, 

este 2021 non sairemos á rúa como outros anos. Estaremos separadas por unha distancia que nos roubou os bicos, as apertas que levamos un ano sen sentir, e eses sorrisos que ocultaron as máscaras. Por iso, neste ano no que as prazas estarán máis baleiras que nunca, convidámosvos a ler estas palabras, a facelas vosas, desde os balcóns, desde os fogares, e deixar que o fume das chemineas se encargue de xuntar as nosas voces, que o vento as faga chegar ben lonxe.

 

Este 8 de marzo non podemos deixar de alzar a nosa voz como mulleres rurais. Porque a pandemia tamén trouxo minutos de lucidez; minutos nos que vimos como a propia cidadanía se organizaba e encargaba daquilo ao que as políticas públicas non quixeron chegar, porque non estiveron á altura nin foron suficientes. Por iso queremos darvos as grazas: por ensinarnos que outras formas de convivir e de apoio mutuo son posibles. 

 

Grazas a esas mulleres produtoras e pensadoras, que desde abaixo se organizaron para que os seus alimentos locais e de proximidade puidesen chegar ata todas as casas. Acordámonos especialmente de iniciativas como SOS  Campesinado, e de todas as xornaleiras migrantes que o ano pasado quedaron atrapadas dentro das nosas fronteiras, nun país que non era o seu, lonxe das súas familias e nunhas condicións moi lonxe de poder denominarse dignas. Tamén de todas aquelas persoas traballadoras no sector agrícola e gandeiro que se contaxiaron de covid-19 durante a primavera e o verán pasados debido ás condicións infrahumanas nas que traballaban e vivían, poñendo de manifesto un sistema de produción intensivo que se sostén a base de non respectar os dereitos humanos máis básicos, nin o benestar animal, nin os recursos naturais nin o territorio que nos sosteñen. 

 

Grazas a todas esas mulleres que non deixan nin un só día de coidar do seu gando, da terra, de preservar as nosas razas autóctonas e sementes locais,  mantendo os nosos ecosistemas e a súa biodiversidade. Nin o virus nin as grandes nevadas deste inverno conseguiron paralas. Porque, se os nosos medios rurais non son zonas catastróficas, é grazas á súa perseveranza e o seu traballo altruísta, que a maioría das veces segue sendo invisible e non recoñecido. 

 

Este ano quedámonos máis orfas ca nunca por culpa deste virus. Perdemos a moitas persoas ás que queriamos: que formaban parte da nosa familia, das nosas amizades, cómplices no día a día… E, sobre todo, perdemos esa gran sabedoría que se esconde tras os ollos e as mans de tantas mulleres rurais de idade avanzada. Un coñecemento da terra, do medio que nos rodea, herdado das avoas das avoas das súas avoas, que agora custodiarán as flores e as pedras, e que con elas se marchou para sempre.

 

Tamén se foron con elas moitas palabras que xa nunca volverán. Algunhas, con sorte, quedarían recollidas nas follas dalgún dicionario local, esperando a que alguén as desempoe. Porque non podemos esquecernos tampouco da riqueza lingüística que custodiaron as mulleres rurais, dando nome a todos os elementos que nos rodean, e grazas ás cales hoxe temos a sorte de poder seguir escoitando unha gran variedade de linguas e acentos que fan únicos e diversos os nosos medios rurais. Detrás da lingua e da palabra hai formas de vida e vínculos marabillosos e únicos. 

 

Tampouco nos esquecemos de todas as mulleres discriminadas pola súa diversidade e das nosas irmás trans. Non podemos esquecernos desas mulleres que falan e ven coas súas mans, nin das mulleres que camiñan a outros ritmos. Das mulleres rurais con sufrimentos e malestares emocionais, daquelas con capacidades distintas. Chamadas tolas, chamadas raras, chamadas discapacitadas. Sinaladas por ser diferentes. Dobremente esquecidas e dobremente afectadas pola pandemia. 

 

Todas somos diferentes, 

 

e todas, 

xuntas, 

coas nosas diversidades, custodiamos os nosos medios rurais. Enchémolos de vida e enredámonos para seguir cara adiante, esquecéndonos desas palabras que empezan por “des-” e que tanto gustan aos medios de comunicación. 

 

Diciamos que a pandemia nos roubou as apertas, pero tecemos máis redes ca nunca para suplir esa falta de servizos que foron agravados pola pandemia. Organizándonos para levar alimentos a quen non podía saír da súa casa, visitando a quen non podía ver aos seus familiares por estar lonxe, e adicando máis tempo ca nunca a coidar dos que temos preto.

 

Nestes tempos difíciles, moitas mulleres tiveron que combinar os traballos no campo, outras o teletraballo, outras seguiron ao pé do canón nos centros de saúde; con ser mestras, coidadoras, enfermeiras… Tendo que estar dispoñibles para os demais todo o tempo. 

 

Escoitamos de forma constante que temos moita sorte de vivir nun pobo, porque temos contacto directo coa natureza. Pero o que ninguén ve é que aquí os servizos básicos se viron diminuídos por partida dobre; uns servizos que xa eran escasos e que en moitos casos desapareceron. Co virus como escusa, pecháronse centros de día e comedores, e reduciuse o horario de moitas garderías e outros espazos adicados aos coidados. Ademais, moitas familias tiveron que sacar das residencias aos seus maiores por medo a que se contaxiasen, atopándose moitas mulleres sen outra alternativa que ter que amañarse para poder conciliar os seus traballos co coidado dos seus familiares dependentes.

 

Acordámonos tamén de todas as compañeiras que sufriron  ERTES, ou que tiveron que pechar os seus negocios pola crise derivada da pandemia. Vimos como, durante moito tempo, desde as administracións se impulsou nas zonas rurais o turismo como (case) única fonte de ingresos. Este ano a pandemia fixo que moitas familias no rural adicadas ao turismo estean a pasalo realmente mal e non teñan outras opcións. 

 

A pandemia agudizou, máis ca nunca, a fenda dixital. Nun ano no que o teletraballo emerxeu no noso país, atopámonos con que mentres nas grandes cidades está a chegar xa o 5G, en moitos dos nosos pobos non hai nin sequera banda ancha. Incorporamos a palabra «teletraballo» á nosa rutina, e para moitos medios e administracións converteuse en panacea e salvación dos nosos medios rurais. Nós hoxe queremos reivindicar o  terratraballo. Queremos seguir loitando por ter acceso á terra e a unha vivenda digna no medio rural. Queremos que se axude e se faciliten as producións agroecológicas e extensivas que están ligadas ao territorio, producindo alimentos de alto valor ambiental, creando un vínculo único entre persoa, animal, semente e terra. Queremos dignidade e dereitos para as persoas migrantes que traballan nos nosos campos. Queremos os servizos públicos de calidade que nos merecemos. 

 

Pronto volverá a primavera.

 

Os nosos campos xa locen unha cor verde que nos fai pensar noutro mañá. Non importa o que veña, porque seguiremos unidas plantando cara ás adversidades. Porque nin sequera este virus conseguiu baleirar o noso territorio. Seguimos xuntas fronte á pandemia. Seguimos unindo os nosos pobos tecendo redes e vínculos, coas nosas mans tinguidas pola cor da terra. E quedámonos aquí na terra e conxugamos o verbo «aterreñar», unha palabra dalgún lugar do norte que nos devolve a esperanza e a luz. Significa ver e pisar a terra de novo despois da neve, non só nós, senón tamén os animais, que volven tras as grandes nevadas a alimentarse do pasto. Sabemos que pronto poderemos mancharnos as mans de terra,  todas xuntas; mirarnos, e sorrir. 

 

Por un feminismo de todas,

por un feminismo de irmás de terra.

 

*A ilustración é de Eva Piay. Podedes descargala aquí.

 

**Este Manifesto foi escrito por Lucía López Marco e María Sánchez. Grazas aos consellos e aportacións de Celsa Peitado, Ana Pinto, Blanca Casares, Patricia Dopazo, Mentxu Ramilo, Karina Rocha, Elisa Oteros e Elena Medel. E a tantas que fixestes chegar as vosas aportacións.

 

***Este manifesto foi traducido ao galego por David Lourido, de O Tempo da Aldea. 

Tags :