Este marzo non nos trouxo a primavera; xa leva asomando dende o inverno demasiado pronto. A falta de choivas e a emerxencia climática na que nos atopamos fan máis que necesario nomear a crise ecolóxica e climática. Actuar, ser conscientes da terra que pisamos, desas árbores que secan por primeira vez pola secura pero aínda así seguen acubillando niños e coidando co seu propio corpo ás novas crías. Cosirando, como esa palabra tan bonita do aragonés que implica estar pendente, mirar, dar unha volta para comprobar como están a horta, os animais, os demais. Cosirar, coidar, querer.
Irmá,
nós
tamén somos así. E vimos disto. Somos netas, fillas, sobriñas, irmás, nais… de tantas e tantas mulleres que non tiveron opción de decidir e quedaron á sombra. No avesío, fóra da atención e da luz, cargando cunha mochila enorme e pesada de coidados, tarefas domésticas, campo, horta, animais, fillos, irmáns… sen recibir nada a cambio, coas mans abertas e gretadas de traballar despois de dar toda unha vida para os demais que non existe para moitos nin se ten en conta, porque non se valora nin se remunera como debería. Somos as ramas desas mulleres árbore que mantiveron as casas dos nosos campos e os nosos pobos cos seus mesmos corpos, e que hoxe mal chaman mulleres todoterreo e heroínas do rural para ocultar unha situación gravísima de machismo e desigualdade.
Mulleres invisibles, nas marxes, ás que moitas veces non temos en conta nas nosas loitas sen empatizar cos seus tempos e os seus ritmos… Mulleres ás que cremos irmás de todos os feminismos, diversas… e que necesitamos reivindicar non só nos nosos pobos, senón tamén nas cidades, xa que o machismo e a desigualdade é unha infección que alcanza todos os estratos da nosa sociedade. Hoxe queremos reivindicalas. Pensar nelas. Nomealas. Por todas aquelas que tiveron que deixar a súa casa á forza por un encoro ou unha repoboación forestal. Por aquelas que tiveron que marchar fóra do seu pobo e traballar na cidade como serventas, cociñeiras, limpadoras, camareiras, aias, operadoras de fábrica… Por todas as mulleres que seguiron coidando dende a distancia aos seus, levantando un territorio que xamais as nomeou nin lembrou como merecen. Por aquelas que xa non están e nin sequera puideron volver. Por todas as que seguen emigrando para buscar as oportunidades ou os servizos que non atopan nos seus pobos.
Por todas.
Por todas as que manteñen viva a esta España baleirada que tanto resoa nos medios e que seguen cargando coa mesma carga de coidados nos nosos medios rurais sen os mesmos dereitos nin servizos básicos que noutros puntos do país. Son elas; somos nós, convertidas en cidadás de segunda, as que coidamos o que o Estado esquece, o que o Estado nos quita. E queremos que a Administración non pense só en satisfacer as demandas das cidades, porque nós tamén necesitamos servizos básicos. Queremos poder decidir se irnos ou quedarnos. Queremos soberanía alimentaria, gandaría extensiva e agroecoloxía. Queremos crear comunidades, mantelas, axudarnos sempre as unhas ás outras. Sentirnos recoñecidas e apoiadas.
Irmá,
esta suor que herdamos e cargamos é invisible,
pero está presente en cada horta,
en cada casa,
en cada escola,
na mesma terra.
Estas mans, que ninguén ve e ninguén calma. Estas mans que traballan a terra, coidan aos pequenos e aos maiores, mecen o berce, dan para comer, coidan dos animais e das hortas. Estas mans cheas de historias, tradicións, oficios e palabras herdadas a través da voz. Unha voz viva que se non coidamos morrerá coas nosas antepasadas.
Estas mans que non tiveron opción e das que nunca se preocuparon, e seguiron a pesar de todo tecendo territorio, familias, comunidades e pobos.
Estas mans que rompen en silencio e sen protestar detrás da barra do bar, que esconden as duras condicións das mariscadoras, que saben da tripla discriminación das nosas irmás migrantes xornaleiras, que coñecen a precariedade daquelas a quen as súas familias esqueceron nalgún lugar, e que queren acompañar e dar acubillo tamén hoxe ás nosas irmás trans. Estas mans que están abertas para recibir e integrar a todas as persoas novas que veñen vivir aos nosos pobos.
Hoxe, moitas mulleres do noso medio rural non poderán participar nos actos que hai preparados porque non teñen opción nin axuda posible: só a de quedar na casa ou no campo e coidar. Por elas, pola súa ausencia, por todas as inxustizas que trouxeron sempre ao lombo nas súas mans, por todo o que fixeron por nós; hoxe queremos berrar, denunciar a súa situación, homenaxealas, dicirlles que estamos aquí coas mans e a voz dispostas. Estamos aquí. Non estades soas. Queremos dicirvos que somos tamén toba, un refuxio, unha rede: como as ovellas cando fai calor, que se agrupan e protexen as súas cabezas as unhas debaixo das outras.Aquí estamos, irmás.
Aquí estamos para ser rabaño. Un rabaño infinito e diverso.
Para cosirar as unhas das outras.
Porque xa estamos fartas de que digan de que a nosa terra está baleira, hai moitas mans invisibles de mulleres que o mantiveron e o manteñen vivo.
Por un feminismo de todas,
por un feminismo de irmás que coidan.
Por un feminismo de irmás de terra.
***
Podes adherirte ao noso manifesto aquí. Somos rabaño. Xuntas, mellor.
***
Este texto foi traducido ao galego por David Lourido, de O Tempo da Aldea
A ilustración é de Pilar Serrano. Podedes descargala para imprimila aquí.
Este ano as amigas de Ajuar comparten connosco a Xota da Huelga para que a cantemos todas xuntas.
(Este Manifesto foi escrito por María Sánchez e Lucía López Marco. Grazas aos consellos e anotacións de Elena Medel. E a tantas que fixestes chegar as vosas achegas.)
Ao longo do día subiranse a esta entrada o manifesto en todas as linguas do noso territorio.
Compártelo:
- Haz clic para compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en Twitter (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en Telegram (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en WhatsApp (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en LinkedIn (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en Pinterest (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en Reddit (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en Tumblr (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para compartir en Skype (Se abre en una ventana nueva)
- Haz clic para imprimir (Se abre en una ventana nueva)